XAQUEDRUM E SOGAMA FORMALIZAN UN ACORDO DE COLABORACIÓN PARA A PROMOCIÓN DO XEDREZ COMO FERRAMENTA EDUCATIVA NA CORRECTA XESTIÓN DO LIXO

· Baixo o lema “Xaque mate aos residuos”, a Asociación Cultural Xaquedrum, co apoio de Sogama, organizará, no marco dos programas que leva a cabo, diversas actividades nas que o medio ambiente cobrará especial protagonismo.

· Os presidentes de ambas as dúas entidades puxeron de relevo o importante papel que o xadrez pode xogar na concienciación da poboación en torno á axeitada xestión dos refugallos, toda vez que a súa práctica estimula o desenvolvemento de capacidades tales como a responsabilidade, o pensamento crítico, a autodisciplina, o respecto polas regras e a cooperación.

Así mesmo, coincidiron en sinalar que o xadrez é moito máis que un deporte ou alternativa de lecer, xa que constitúe un interesante instrumento pedagóxico e lúdico con notables repercusións na formación integral das persoas.

Lugo, a 10 de febreiro de 2012.- “Xaque mate aos residuos”. Este é o lema que acompañará durante o presente ano algunhas das actividades contempladas no convenio de colaboración formalizado esta mañá entre Sogama e a Asociación Cultural Xaquedrum de Lugo a través dos seus presidentes, Luís Lamas e Pablo Castro respectivamente.

Con este acordo, ambas organizacións pretenden potenciar o xadrez como ferramenta educativa na formación integral das persoas, incluíndo a dimensión medioambiental. É por isto que distintos programas promovidos por Xaquedrum, nos que participan centos de usuarios, terán en conta en gran medida a transmisión de valores tales como a solidariedade co contorno e a protección do medio natural, insistindo no relevante labor que, neste sentido, a poboación pode desempeñar.

Lamas quixo deixar constancia de que Sogama non desistirá do seu empeño de sensibilizar aos galegos en torno á importancia da súa activa implicación na correcta xestión do lixo, utilizando cantas canles sexan necesarias. O xadrez, subliñou, “pode ser unha magnífica ferramenta de concienciación para facer fronte ao grave problema que na actualidade representan os refugallos”. Pola súa banda, Pablo Castro asegurou que o medio ambiente, como elemento transversal a todas as políticas, tamén ocupa un importante lugar na organización que dirixe, e “o apoio de Sogama axudará, sen dúbida, a nutrir esta tarefa social que desde Xaquedrum levamos a cabo e que non é outra que a de contribuír a formar a cidadáns que velen pola consecución dun desenvolvemento sostible no que se conxugue, de forma harmoniosa, a súa evolución persoal, a cohesión, a preservación medioambiental e o progreso económico”.

MOITO MÁIS QUE UN DEPORTE OU ALTERNATIVA DE LECER

O xadrez é moito máis que un deporte ou unha alternativa de lecer, xa que as habilidades adquiridas a través do mesmo chegan a ser transferidas a outros campos da nosa existencia.

E é que, por curioso que pareza, algo tan sinxelo como un taboleiro, 32 pezas e dous participantes, pode chegar a ter unha gran repercusión sobre a educación integral das persoas, contribuíndo a mellorar as súas capacidades cognitivas. Así o corroboran numerosas investigacións realizadas ao longo dos anos, cualificándoo como un interesante instrumento pedagóxico e lúdico mediante o cal se logra promover o crecemento intelectual, aumentando a capacidade de atención, de concentración e de memoria, pero tamén a capacidade de cálculo, de análise e de síntese, así como a creatividade, a imaxinación e a intuición.

Os seus beneficios son palpables igualmente no ámbito da personalidade, xa que estimula a iniciativa, o autocontrol, a autodisciplina, a autoestima, o esforzo, a reflexión, o pensamento crítico e, como non, a autonomía, pois, de forma constante, os xogadores toman decisións sen axuda externa e baixo a súa propia responsabilidade, precisando dunha minuciosa avaliación previa coa que atopar a mellor solución en cada momento e prever as futuras respostas do contrincante.

As súas vantaxes a nivel deportivo, social e sobre a saúde, tampouco son desdeñables. O respecto cara aos demais e as regras de xogo, o fomento do equilibrio emocional e a priorización das capacidades mentais sobre a forza tamén constitúen factores que poden axudar no proceso de socialización, loitando contra a desigualdade e a discriminación.

ORIENTAR O COMPORTAMENTO DA POBOACIÓN

E é precisamente a autodisciplina, o respecto polas regras e a cooperación algunhas das cualidades que Sogama quere promover entre os cidadáns, pois todos e cada un de nós somos xeradores de residuos e sobre estes tomamos determinadas decisións.

A través da información, a formación e a reflexión, esta entidade pública pretende reorientar as condutas dos galegos cara a prevención e a redución da xeración de desperdicios, cara a reutilización dos produtos o maior número de veces posible e cara a activa participación na separación do lixo por tipoloxías e o depósito de cada fracción no contedor correspondente. Con isto, non só se posibilitará unha maior reciclaxe, co conseguinte aforro de enerxía e de materias primas, senón que se propiciará unha considerable diminución das cantidades de refugallos desviadas ás instalacións de Sogama a través dos recipientes verdes convencionais, o que se traduce nun importante aforro de custos para as arcas locais.

Pero os beneficios non só se limitan ao menor importe da factura a pagar á Sociedade Galega do Medio Ambiente, senón que os concellos poderán recibir igualmente compensacións económicas por parte dos Sistemas Integrados de Xestión. Cantos máis materiais remitan á industria recicladora e maior sexa a súa calidade, maiores serán tamén os ingresos a percibir.