O xadrez e a lectura protagonizan a programación de actividades de verán da Concellería de Educación

O Concello oferta alternativas de ocio educativo para os meses de xullo, agosto e setembro

 

Imaxe Asociada

A Concellería de Educación, Formación e Orientación Laboral, Esther Muñóz, e o presidente da Asociación Cultural Xaquedrum, Pablo Castro, presentaron esta mañá a programación do “Verán Lúdico” no que se mestura o xadrez e a lectura.

Esther Muñóz explicou que “dende o Concello trabállase para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral e cremos que este tipo de iniciativas son importantes para o aprendizaxe dos nenos e nenas xa que poden aprender a xogar ao xadrez con monitores ou facer uso da biblioteca itinerante e ler libros”.

Por outra parte, Pablo Castro, informou que este tipo de actividades teñen moito éxito e que “cada vez son máis os nenos e nenas que se achegan a participar no xadrez “. Ademais salientou que teñen un interese familiar para que pais, nais e nenos poidan compartir diferentes momentos de ocio dunha maniera máis divertida.

As actividades encádranse nos programas Verán Lúdico, Xadrez na rúa e Baúl Viaxeiro, e Viaxe pola historia do xadrez que están orientados a ofrecer unha alternativa de ocio educativo aos nenos e maiores. O programa de «Verán Lúdico» vaise a desenvolver na piscina exterior de Frigsa de luns a venres, en horario de 16:00 a 18:30 horas, ata o 31 de agosto. As actividades, destinadas aos usuarios da piscina, son gratuítas e comprenden unha biblioteca de verán, un punto xadrecístico e unha zona de ludoteca con diversos xogos de mesa como o parchís, ou o dominó.

Deste xeito, os bañistas gozan do préstamo gratuíto de libros, da oportunidade de aprender as técnicas do xadrez baixo a supervisión de monitores especializados e de xogar partidas a xogos de mesa.

A Viaxe pola historia do xadrez é un programa que xa se ven desenvolvendo dende fai anos e acadou un gran éxito de participación. O seu obxectivo é achegar aos cidadáns o deporte do xadrez e promover a súa práctica a través de partidas e do ensino das súas técnicas. Esta actividade, gratuíta e que non require inscrición previa, ten lugar todos os xoves de 19:00 a 21:00 horas na Praza Maior, onde tamén haberá partidas de xadrez xigante e unha biblioteca itinerante.

Tamén se quere levar estas actividades polos diferentes barrios da cidade polo que todos os martes, en horario de 19:00 a 21:00 horas, os rapaces e rapazas poderán participar nestes talleres co seguinte calendario:

– O 3 e 10 de xullo visitará á Praza Horta do Seminario.
– O 17 e 24 de xullo, estará na Praza da Milagrosa.
– O 31 de Xullo e 7 agosto, visitará a Praza de Augas Férreas.
– O 14, 21 e 28 de agosto, achegarase ata a Praza do Castiñeiro.


O Presidente de Xaquedrum tamén informou que a próxima semana se levará a cabo unha partida de xadrez xigante subacuatico na piscina exterior de Frigsa. As datas concretaranse a medida que se coñeza a situación meteorolóxica.