XAQUEDRUM, COA COLABORACIÓN DE SOGAMA, EDITA UN NOVO CADERNO ESCOLAR PARA O PROGRAMA  “XAQUE NAS AULAS”

  • A presentación oficial do mesmo terá lugar mañá, día 23, ás 11:00 horas, no colexio de Albeiros.
  • O acto contará coa presenza do presidente da Asociación Cultural Xaquedrum, Pablo Castro, da Concelleira de Educación, Esther Muñoz, do entrenador do Club de Fútbol Lugo, Quique Setién, e do presidente de Sogama, Luís Lamas.
  • Con este instrumento didáctico, que actúa como reforzo das clases que imparte o persoal da asociación polos centros educativos de Lugo cidade e provincia, preténdese ensinar aos pequenos a xogar ao xadrez, pero dunha forma amena e divertida.
  • Viñetas para colorear, gráficos da secuencia de xogadas claves e estratéxicas, forma de mover as pezas, asociación de palabras, procura das diferenzas entre imaxes e descubrimento de mensaxes secretas, constitúen, entre outras, algunhas das actividades que os alumnos lucenses de primaria poden atopar neste libriño, no que Xaquedrim, a mascota oficial, actúa como principal protagonista.
  • E é que está comprobado que o xadrez potencia a memoria, a capacidade cognitiva, a resolución de problemas, e, moi importante, supón unha gran axuda para a toma de decisións, despois de ser mesmo recomendado pola UNESCO para integralo como disciplina de estudo nos plans académicos.

Lugo, a 22 de abril de 2014.- No marco do convenio de colaboración formalizado para este ano entre a Asociación Cultural Xaquedrum e a Sociedade Galega do Medio Ambiente, acábase de editar un novo caderno escolar “Xaque nas Aulas” co que se pretende ensinar aos pequenos, dunha forma didáctica e amena, a xogar ao xadrez, utilizando como guía a mascota oficial desta organización, Xaquedrim.

Realizáronse 5000 exemplares do cadernillo  XAQUE  NAS AULAS, as cales, distribuiránse  de forma gratuita aos escolares da provincia de Lugo.

O acto de presentación desta iniciativa terá lugar mañá, día 23, ás 11:00 horas, no colexio de Albeiros, contando coa asistencia do presidente da Asociación Cultural Xaquedrum, Pablo Castro, da Concelleira de Educación, Esther Muñoz, do entrenador do Club de Fútbol Lugo, Quique Setién, e do presidente de Sogama, Luis Lamas.

Viñetas para colorear, gráficos da secuencia de xogadas claves e estratéxicas, forma de mover as pezas, asociación de palabras, procura das diferenzas entre imaxes e descubrimento de mensaxes secretas, constitúen, entre outras, algunhas das actividades que os alumnos lucenses de primaria poden atopar neste libriño, que a bo seguro suporá unha magnífica axuda para introducir aos pequenos na práctica do xadrez e para afianzar coñecementos daqueles que xa se iniciaron no mesmo.

Este material vén a avalar e reforzar as clases que Xaquedrum imparte polos colexios de Lugo cidade e provincia a fin de que os escolares poidan beneficiarse das bondades que entraña o xadrez para o seu desenvolvemento intelectual e formación persoal.

.

O XADREZ POTENCIA A CAPACIDADE PARA A TOMA DE DECISIÓNS

E é que esta disciplina potencia a memoria, a capacidade cognitiva, a resolución de problemas, e, moi importante, supón unha grande axuda para a toma de decisións, xa que os xogadores deben enfrontarse en solitario a momentos nos que, non só deben organizar e calcular o movemento de pezas, senón pensar nas consecuencias das súas accións, sendo capaces de poñerse no lugar do outro; unha aprendizaxe perfectamente válida para a vida.

 

Tal é a achega do xadrez ao ámbito educativo, que nalgunhas comunidades se está a introducir como asignatura obrigatoria nos plans de estudos. Xa a propia UNESCO fixo esta recomendación no seu momento, convencida de que pode constituír unha magnífica axuda, non só para a formación escolar dos alumnos, senón tamén para o seu desenvolvemento profesional futuro,  facilitando igualmente valores como a convivencia, a tolerancia, a solidariedade e, como non, a competitividade ben entendida.

TAMÉN PARA CURAR E/OU MITIGAR ENFERMIDADES

Así mesmo, o xadrez tamén demostrou ser un magnífico instrumento para nenos con problemas de autismo e hiperactividade, con trastornos de personalidade, baixa autoestima, e ata para adultos con doenzas tales como a demencia senil e o alzheimer.

As clases impartidas por Xaquedrum son aproveitadas para insistir na necesidade de contribuír igualmente á protección do medio ambiente mediante a xestión sostible dos residuos urbanos, priorizando a súa redución e reciclaxe.