“Xaque nas Aulas” fai unha parada no CEIP Illa Verde de Lugo

O programa educativo “Xaque nas Aulas”, cuxo obxectivo é introducir aos nenos na práctica do xadrez, fixo esta semana unha parada no CEIP Illa Verde de Lugo para instruír na materia a un centenar de alumnos de 3º e 4º de Primaria.

A Asociación Cultural Xaquedrum, en colaboración Concellería de Educación, el Progreso, Telelugo, Fornos Fernando Valín, Confecciones Yute, fegaxa, feda y Sogama, é a promotora desta actuación, coa que se persegue adentrar aos pequenos no mundo do xadrez para que estes saquen proveito dos seus beneficios, representando unha ferramenta eficaz no proceso de formación.

 

Todo vantaxes

A principal vantaxe desta disciplina é que esixe un alto nivel de concentración, polo que o cerebro vese sometido a unha gran actividade. De aí que a súa práctica favoreza o rendemento académico dos alumnos e o desenvolvemento da súa mente, ademais de posibilitar en moitos casos un cambio na súa forma de comportamento, toda vez que aprenden a respectar ao rival e conducen as súas accións dunha forma máis tranquila, sosegada e reflexiva.

 

Ademais, conseguen mellorar a capacidade de concentración, a memoria, a planificación (xa que os xogadores vense obrigados a idear plans de xogo), o cálculo, a precisión á hora de realizar tarefas, a xestión do tempo, resultando máis efectiva, o nivel de atención e o pensamento lóxico.

 

Ao longo dos anos comprobouse que o xadrez serve como recurso para nenos con problemas de atención ou de concentración, aumentando a súa capacidade de organización e toma de decisións. De feito, constatouse que aqueles que asisten a clases de xadrez melloran o seu rendemento escolar, xa que acaban gañando enfoque, confianza en si mesmos, paciencia, imaxinación, habilidades para resolver problemas, axilidade e resistencia mental.

 

Pero tampouco hai que perder de vista que é unha actividade divertida que se pode exercitar en calquera lugar e que reporta horas de entretemento.

 

Máis aló dos centros escolares, a Asociación Cultural Xaquedrum e a Escola Luguesa de Xadrez, tamén levan a cabo actividades en campamentos, hospitais e medios de comunicación, constituíndo o xadrez un medio de interese para a realización persoal dos participantes.

 

Educación ambiental

Da man da Sociedade Galega do Medio Ambiente, as xornadas son utilizadas igualmente para concienciar aos destinatarios sobre a necesidade de coidar e protexer o medio ambiente a través da xestión sostible dos residuos urbanos, instruíndolles na práctica do principio europeo dos tres erres: redución, reutilización e reciclaxe, aos que Sogama engade a recuperación enerxética da parte non reciclable.