Pablo López Varela na súa novena partida do Campionato do Mundo xogaba co Mestre Candidato colombiano David López.

O xogador da Escola Luguesa de Xadrez xogaba con brancas esta partida. Pablo López  non estaba a ter moi bos resultados coas pezas brancas e decidiu xogar outra apertura, desa forma lograr sorprender ao rival como ademais tentar cambiar a dinámica das pezas brancas.

Xogou como sempre o peón de rei, pero esta vez no canto de xogar un ataque indio decidiuse por unha  apertura Italiana Giuoco Piano, que consiste nun  xogo lento, onde o branco leva a cabo aos poucos un ataque sobre o flanco do rei.

Pablo López como está a ser habitual, sacrificou un cabalo por un ataque no enroque do rival. Pero o colombiano logrou defenderse do impetuoso ataque do branco a cambio de perder dous peóns.

Entraron nun final onde Pablo puido lograr táboas grazas aos dous peóns, xa que o negro a pesar de ter unha peza de máis non tiña  fácil entrar na posición, pero xa pasou noutra partida Pablo tentou loitar pola vitoria e  acabou perdendo a partida.

Mañá xogarase a penúltima partida do Campionato do Mundo.