O xadrez e a lectura protagonizan a programación de actividades de verán da Concellería de Educación

A Concellería de Educación, Formación e Orientación Laboral, Esther Muñóz, e o presidente da Asociación Cultural Xaquedrum, Pablo Castro, presentaron esta mañá a programación do “Verán Lúdico” no que se mestura o xadrez e a lectura.

Esther Muñóz explicou que “dende o Concello trabállase para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral e cremos que este tipo de iniciativas son importantes para o aprendizaxe dos nenos e nenas xa que poden aprender a xogar ao xadrez con monitores ou facer uso da biblioteca itinerante e ler libros”.


O programa de “Verán Lúdico” vaise a desenvolver na piscina exterior de Frigsa de luns a venres, en horario de 16:00 a 18:30 horas, ata o 31 de agosto. As actividades, destinadas aos usuarios da piscina, son gratuítas e comprenden unha biblioteca de verán, un punto xadrecístico e unha zona de ludoteca con diversos xogos de mesa como o parchís, ou o dominó.

Deste xeito, os bañistas gozan do préstamo gratuíto de libros, da oportunidade de aprender as técnicas do xadrez baixo a supervisión de monitores especializados e de xogar partidas a xogos de mesa.