A ASOCIACIÓN CULTURAL XAQUEDRUM PRESENTA OFICIALMENTE Á SÚA MASCOTA, COA QUE INTENSIFICARÁ A PROMOCIÓN DO XADREZ NO ÁMBITO EDUCATIVO
- É un peón e chámase Xaquedrím, nome seleccionado no marco dun concurso orientado aos centros de infantil e primaria de Lugo, do que resultaron gañadores os alumnos Nicolás Acebedo e Mario Rodríguez.
· A presentación da mascota, que terá lugar nun acto oficial a celebrar no CEIP Nadela de Lugo, está rodeada dunha gran expectación. Alí esperaranlle, cara ao mediodía, o presidente da asociación, Pablo Castro, o presidente de Sogama, Luís Lamas, a concelleira de Educación, Esther Muñoz, e ata Quique Setién, adestrador do Club Fútbol de Lugo, con quen Xaquedrím xogará unha partida de exhibición para goce de todos.
- A partir de hoxe, a Xaquedrím espéralle unha intensa tarefa, que non é outra que a de utilizar o xadrez para espertar a intelixencia dos pequenos, enriquecendo así o seu crecemento intelectual e formación como futuros adultos con habilidades claves para o correcto desempeño das súas funcións profesionais e persoais.
A Asociación Cultural Xaquedrum, entidade lucense coa que colabora Sogama, a Concellería de Educación, El Progreso, Telelugo, El Progreso, Casa Paco e Confecciones Yute para a promoción do xadrez como instrumento de peso na educación e proceso de formación das persoas, xa ten mascota. Trátase dun peón (tamaño adulto) que fará as delicias de pequenos e maiores, xa que, ademais de ensinar a técnica do xadrez e habilidades asociadas á súa práctica, fará posible a diversión e o entretemento.
A presentación de Xaquedrím, nome co que foi bautizada a mascota no marco dun concurso aberto a todos os escolares de infantil e primaria da cidade de Lugo, estará rodeada dunha gran expectación, especialmente no CEIP Nadela, escenario onde se dará a coñecer. Alí esperaranlle, o mércores 22 de maio cara ao mediodía –doce e media-, ademais de representantes de distintas entidades colaboradoras, o presidente da asociación, Pablo Castro, o presidente de Sogama, Luís Lamas, a concelleira de Educación, Esther Muñoz, e ata Quique Setién, adestrador do Club Fútbol de Lugo, con quen Xaquedrím xogará unha partida de exhibición para goce de todos.
ENTREGA DE PREMIOS
O evento será aproveitado para entregar os premios aos primeiros clasificados no concurso referenciado. Trátase de Nicolás Acebedo e Mario Rodríguez, os cales recibirán senllos xogos de mesa da reciclaxe distribuídos por Sogama, ademais dun balón de fútbol cedido por esta mesma entidade e vales de 30 para o “Faro dos Tres Mundos”, un espazo educativo dirixido fundamentalmente a nenos/as de 6 a 14 anos, no que se traballa, por medio de obradoiros, libros, contos e xogos educativos, o concepto de intelixencia cultural, posibilitando con isto que os escolares poidan coñecer máis de preto culturas emerxentes de países tales como India, China e Xapón.
Ademáis, farase o sorteo de dous regalos entre os participantes de infantil e primaria.
A partir deste momento, a Xaquedrím, que estará presente en todos os eventos promovidos pola Asociación Cultural que posibilitou a súa existencia, espéralle un intenso labor, que non é outro que o de utilizar o xadrez para enriquecer o crecemento intelectual e formación dos pequenos como futuros adultos con habilidades claves para o correcto desempeño das súas funcións profesionais e persoais.
BENEFICIOS SOCIAIS, EDUCATIVOS E ATA TERAPÉUTICOS
Porque practicar o xadrez, e así o acreditan prestixiosos estudos, mellora a intelixencia e a concentración, pero tamén a capacidade lectora e matemática e, por suposto, o razonamento lóxico e a resolución de problemas, contribuíndo ao mesmo tempo a fomentar a creatividade, clave da competitividade. E é que a mellora dun país nas súas diferentes facetas, incluída a económica, dependerá do seu grao de creatividade á hora de afrontar os retos que implican o seu desenvolvemento.
Pero o xadrez tamén desempeña un importante cometido terapéutico, servindo como instrumento na corrección de desviacións sociais tales como a baixa autoestima e tendencias depresivas, e ata no tratamento da esquizofrenia, presentando bos resultados na loita contra o consumo de drogas.
Non obstante, os seus beneficios non só están orientados cara aos máis novos, senón que tamén se estenden ás persoas maiores, axudando a previr enfermidades como o Alzheimer, a demencia e outras disfuncións dexenerativas, á vez que mellora o envellecemento cerebral que todos, tarde ou cedo, inevitablemente padeceremos.