Integrantes da Asociación Cultural Xaquedrum, entre os que se atopaba o seu presidente, Pablo Castro, viaxaron esta mañá ata o municipio coruñés de Cerceda para visitar o complexo medioambiental de Sogama e coñecer dun xeito máis pormenorizado a actividade industrial desenvolvida no mesmo.

Pola súa banda, educadores medioambientais ao servizo da empresa foron os encargados de atender ao grupo, trasladándolle as oportunas explicacións sobre a xestión e tratamento dos residuos urbanos recepcionados nas instalacións cercedenses, onde se leva a cabo a clasificación, por tipos de material, dos refugallos depositados nos contedores amarelos, que destina aos centros recicladores correspondentes, procedendo á valorización enerxética da fracción resto introducida nos recipientes verdes convencionais, que transforma en electricidade. A través dun percorrido guiado puideron ver con detalle as distintas fases de tratamento polas que atravesa o lixo.

E é que, aínda que todos eles xa tiñan referencias sobre o labor de Sogama (non en vano a entidade vén colaborando coa organización na promoción da práctica do xadrez polos seus efectos positivos para o desenvolvemento cognitivo e emocional das persoas), o certo é que non dubidaron en sumarse á visita para ver e comprobar por si mesmos a esencia e razón de ser dunha compañía pública cuxo obxecto non é outro que a correcta xestión e tratamento dos residuos producidos na maior parte do territorio galego, entre eles os procedentes da cidade de Lugo, contribuíndo con isto á protección do medio ambiente e mellora da calidade de vida da cidadanía.

Pero a Asociación Cultural Xaquedrum reservábase unha sorpresa, pois entre o colectivo atopábase tamén a súa mascota “Xaquedrim”, presentada en sociedade o pasado mes de maio, e que, desde entón, vén participando nas distintas actividades programadas pola organización.

SAÚDO DO PRESIDENTE DE SOGAMA, LUÍS LAMAS

O grupo foi recibido polo presidente de Sogama, Luís Lamas, quen, ademais de darlles a benvida, agradeceu a visita realizada polo seu alto valor educativo, constituíndo esta “una das mellores actuacións divulgativas que a Sociedade leva a cabo”, toda vez que permite a cada visitante facer a súa propia avaliación do cometido da empresa.

Lamas sempre aproveita este tipo de ocasións para pedir aos grupos que contribúan e cooperen ao máximo nese importante labor pedagóxico que entraña a sensibilización ambiental da poboación para propiciar a súa activa participación na xestión sostible dos desperdicios, traducida nun consumo responsable e a aplicación do principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe). Tamén insta de forma reiterada a que trasladen no seu contorno familiar e social a enorme transcendencia que ten colaborar no sistema, e non só para o benestar das actuais xeracións, senón tamén para as futuras. “Aquí, a solidariedade, como noutras ordes da vida, resulta clave”.