NOTA DE PRENSA:

Clausura do programa Xadrez na rúa.
Exhibición Quique Setién

A Asociación Cultural Xaquedrum e a Escola Luguesa de Xadrez en colaboración co Concello de Lugo, Sogama, El Progreso, Sogama,Telelugo, Confeccións Fibra Vexetal, chess 24 e Fornos Fernando Valín levan a cabo o programa educativo Xadrez para tod@s.

Para o peche de Xadrez na rúa e baúl viaxeiro contarase coa presenza de Quique Setién, o cal, dará unha exhibición cos máis pequenos e asinará autógrafos entre os afeccionados do xadrez. A exhibición levarase a cabo o martes 16 ás 19 horas.

Para poder participar poderanse solicitar convites ata o luns na propia actividade que se leva a cabo de luns a venres de 17 a 20 horas.

Está exhibición será unha despedida de Quique Setién cos afeccionados xadrecistas lucenses e ao mesmo tempo, a Asociación Cultural Xaquedrum e a Escola Luguesa queren aproveitar esta actividade para demostrar o agradecemento con Quique Setién pola súa grande implicación coa promoción do xadrez en Lugo e con todos os proxectos levados a cabo por estas entidades para a promoción do xadrez.

En agradecemento a entidade faralle entrega dunha equipación do club e un pequeno recordo do seu paso pola cidade. Ao mesmo tempo, a Escola Luguesa de Xadrez  ten decido nomealo primeiro socio de honra da entidade e faráselle entrega dun diploma honorífico.

 CAMPAMENTOS DE VERÁN.

Outras das actividades que está a preparar a  Asociación Cultural Xaquedrum son os campamentos de verán.
O obxectivo que se persegue con este programa é a de fomentar a práctica do xadrez entre os pequenos da cidade e provincia, e contribuír a alcanzar os beneficios que este trae consigo na formación integral dos participantes.
O campamento levarase a cabo no CEIP IIla Verde o horario será de nove da mañá ás catorce horas. Existen prazas limitadas.

Semanas do campamento:
Primeira semana: do 22 ao 26 de Xuño

Segunda semana: do 29 de xuño ao 3 de Xullo

Terceira semana: do 6 ao 10 de Xullo

Despois da experiencia do ano pasado e das peticións dos pais e nais, este ano levaranse a cabo tres semanas de campamentos, e en cada semana levaranse a cabo diferentes actividades relacionadas co xadrez e ao mesmo tempo, actividades de tempo libre.
Dividiranse en dous grupos, xadrez divertido dirixido para nenos e nenas de catro anos a sete anos e xadrez máxico para rapaces e rapazas de sete anos a doce anos.

XADREZ DIVERTIDO

Mentres que os de 4 a 7 anos terán clases de xadrez e recortarán, pintarán, xogarán e crearán pezas de xadrez con material reciclado.

XADREZ DIVERTIDO
De 8 a 12 participarán en concursos, torneos e xogos, ademais de asistir a clases.
O custo do campamento será de sesenta euros por campamento, habendo descontos para os que asistan a máis dun campamento.
Ademais de aprender a xogar ao xadrez, os nenos farán o seu propio xadrez, farán pezas de xadrez con material reciclado e terán actividades de tempo libre. E terán a posibilidade de xogar ao xogo de Xaquedrim coa presenza da mascota Xaquedrim.
En todos os casos, o medio, e máis concretamente a correcta xestión dos residuos urbanos, tamén estará presente, recordando aos usuarios a importancia da aplicación do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).

Máis información https://campamentodexadrez.wordpress.com/

 A FIRME APOSTA POLO XADREZ
A actividade Xadrez na rúa forma parte dun amplo e ambicioso programa educativo que promove Xaquedrum e que se orienta aos escolares e as súas familias, tanto da cidade de Lugo coma da provincia. O seu obxectivo non é outro que espertar a curiosidade e o interese dos pequenos polo xadrez, concienciando pais e titores sobre as vantaxes que a súa práctica representa dende a dimensión educativa.
Durante o curso académico que agora finaliza, a Asociación Cultural Xaquedrum seguirá instruíndo e deleitando aos estudantes con múltiples actividades formativas que lles servirán de axuda para progresar nos seus estudos e forxarse un futuro mellor.
Como complemento a estas razóns, dicir que o xadrez foi recomendado como materia nos plans de Educación Primaria e Secundaria pola UNESCO, polo Parlamento Europeo, polo Parlamento Español e polo Parlamento Galego.